O curso de verán 2013 Big Data (BD) & Data Science (DS) repasa o mundo do BD & DS combinando tanto perspectivas científicas como tecnolóxicas. O curso estrutúrase por medio dunha serie de conferencias, mesas redondas e talleres cos que se pretende dar unha visión actual do universo do BD & DS, analizando o seu futuro e principais aplicacións.

    Obxetivos

    • Presentar a situación actual do BD & DS, explicando a evolución dende tecnoloxías de almacenamento e análise de datos previas cara o que agora acuñamos como BD & DS.
    • Presentar as principais liñas de investigación e tecnolóxicas asociadas a BD & DS.
    • Expoñer os principais dominios de aplicación de BD & DS, discutindo as complexidades e necesidades destes dominios.
    • Motivar un debate conducente a elucidar o impacto das tecnoloxías de BD & DS no futuro da economía e da sociedade.
    • Desenvolver unha serie de talleres formativos que permitan aos participantes achegarse á realidade das ferramentas máis estendidas de BD & DS (Hadoop, Cassandra, Lucene, Weka, etc.).

    Público ao que vai dirixido

    O curso vai dirixido a todas aquelas persoas e empresas interesadas en comprender o papel das tecnoloxías de BD & DS dende os puntos de vista científico, tecnolóxico e empresarial. Farase especial fincapé no desenvolvemento dunha serie de talleres prácticos que permitan que os participantes se acheguen a algunhas das ferramentas e metodoloxías que permiten traballar con tecnoloxías de BD & DS. A perspectiva multidisciplinar que se aporta fará o curso de sumo interese tanto para investigadores que poidan estar interesados no uso e posibilidades destas tecnoloxías, como de tecnólogos que queiran visualizar as posibilidades das mesmas nas súas organizacións.

    Contidos e distribución do curso

    Os contidos do curso pretenden expoñer as principais liñas de investigación e de innovación que se están a desenvolver actualmente no campo do BD & DS, así como os principais dominios de aplicación das mesmas. Organizarase, por unha banda, nunha serie de conferencias, impartidas por recoñecidos especialistas nos distintos temas que serán abordados e, por outra, unha serie de talleres prácticos nos que os participantes poderán desenvolver algunhas das capacidades presentadas nas sesións teóricas. A acción formativa completarase cunha serie de mesas redondas nas que se tentará presentar, dun modo máis informal e propicio para a participación dos asistentes, as opinións de expertos e representantes da industria respecto a temas de especial transcendencia ou proxección de futuro.